Esa cousa chamada estilo

Esa cousa chamada estilo

Os distintos grupos e investigadores musicais historicistas prestáronlle un gran servizo á Música en xeral á hora de transportarnos aomomento no que unha obra musical foi composta. O Herbens Consort aposta polo emprego de instrumentos de época afinados por un temperamento o máis aproximado posible ao do momento no que foron concibidas as obras. Os seus membros formámonos cunha multitude de especialistas na interpretación historicista e confesamos unha gran devoción pola investigación.

Porén, non consideramos que todo isto sexa imprescindiblepara unha boa interpretación musical, optamos por este camiño, pero non cremos que sexa o único e verdadeiro. A interpretación musical non pode estar secuestrada por un Estilo único e inflexible. Se lle preguntamos a calquera compositor actual como lle gustaría que se interpretase a súa obra no futuro dándolle a escoller entre imitar unha gravación que recollese o seu ideal e a posibilidade de que os intérpretes do futuro incorporen as súas “estruturas do sentir”, en palabras de Raymond Williams, non hai dúbida de que escollería o segundo. Os compositores de hai dous ou tres séculos seguro que responderían de xeito igual e renegarían de calquera intento de encadrar a súa obra nunha serie de sacrosantos parámetros.

A honradez na interpretación é o mellor camiño para ser fiel ao espírito dun compositor e da súa obra.

Herbens Consort / Foto: Xaime Cortizo